Sunday 19 de May de 2024

A final do Mundial de fútbol será retransmitida en directo en pantallas xigantes na praza de María Pita


O Concello habilitará as pantallas do escenario das festas para poder seguir o partido este domingo 20 a partir das 12.00 horas

A praza de María Pita contará con pantallas que retransmitirán en directo o vindeiro domingo, 20 de agosto, a partir das 12.00 horas, a final da Copa Mundial de fútbol feminino, que disputará a Selección Española logo de clasificarse tras derrotar por 2-1 a Suecia.

O Concello, coñecedor da gran afección que hai na cidade polo fútbol feminino e ante a histórica posibilidade de que a Selección Española acade o seu primeiro Mundial, quere ofrecer a posibilidade de ver o partido nun ambiente festivo na praza de María Pita a coruñeses e coruñesas. Para elo, empregaranse as pantallas laterais do escenario das Festas de María Pita.

O acceso á praza será gratuíto. Esta será a primeira vez que se retransmita en directo a través de pantallas xigantes na Coruña un partido da Selección Española de fútbol feminino.
Xa se retransmitiron, en 2010 e 2012, partidos da Selección Española masculina, que congregaron a numerosos afeccionados en espazos como María Pita, praza de Pontevedra e praia de Riazor.